A revisión: catro ollos ven máis que dous

Todos estaremos de acordo en que ninguén é perfecto, polo que ninguén pode realizar sempre un traballo perfecto. Por iso o ideal para o tradutor é contar co apoio dun revisor que garanta a calidade do seu traballo. E é que, por moita experiencia que se teña, sempre se coará algún erro no texto, xa sexa un erro de tradución ou un de tipografía; estes últimos non dependen tanto da experiencia, senón da concentración e a forma de escribir. O mellor modo de evitar as grallas é ler continuamente o que se está a escribir, pero isto non garante que non vaia haber ningún erro. Tampouco o soluciona todo o revisar o texto ao rematar: moitas veces non vemos o que hai, senón o que esperamos ver, e se cremos que escribimos unha cousa, iso adoita ser o que leremos. Esa é unha das razóns polas que o ideal é que unha persoa sen expectativas respecto da tradución revise o texto.

Despois de todo, a tradución non ten por que ser un traballo solitario: no mellor dos casos, trátase dun diálogo constante entre compañeiros tradutores e cos revisores, con todos os beneficios do traballo en equipo. Para empezar, nas ocasións en que varios tradutores traballan xuntos cun mesmo texto, cada un achega os seus coñecementos particulares e a súa visión do texto (que é diferente para cada persoa). Deste xeito reúnese o mellor de cada un dos tradutores e compénsanse os seus defectos. Nestes casos, a comunicación é esencial para garantir a coherencia na terminoloxía e o ton do texto, por exemplo. Con todo, sempre será necesaria a presenza dun revisor que aplique os seus coñecementos ao texto final e lle dea o visto e prace. O papel do revisor é distinto ao dun co-tradutor; trátase de alguén que idealmente non tería necesidade de recorrer ao texto fonte para nada, aínda que na realidade debe comprobar que o texto fonte concorde co texto meta. Ademais diso, debería contar con coñecementos especializados da materia sobre a que versa o texto, aínda que na práctica non sempre é así, co que deberá polo menos documentarse adecuadamente.

Ademais dos erros de tradución, un revisor con coñecementos sobre a materia poderá moitas veces atopar erros no documento orixinal. Existen revisores de concepto especializados que se adican a revisar textos orixinais para asegurarse de que os feitos reflectidos no texto se desenvolveron e contaron como debe ser; por exemplo, no caso dun experimento, comprobarán a metodoloxía e os resultados dende o punto de vista dun experto. Sempre que sexa posible, é preferible contar cunha segunda opinión dun experto, aínda que non se dedique á revisión, e dun revisor, aínda que non sexa experto na materia.

Persoalmente, eu son da opinión de que entre o tradutor e o revisor debe reinar a desconfianza mutua. Sei que moitos están en contra disto, xa que a confianza entre tradutor e revisor leva a unha maior velocidade de traballo e máis eficiencia, e ao seu modo teñen razón; pero a confianza en que o outro solucionará os nosos erros é perigosa, e é máis probable que un erro se lles escape a dúas persoas que o cren solucionado polo outro que a dúas persoas que cargan cunha responsabilidade unicamente propia, ao seu entender. Xa que logo, se nos interesa a maior perfección posible hai que desconfiar; se preferimos a eficiencia e respectar os prazos, hai que confiar.

O fin último na maioría dos casos será achar un equilibrio entre o tempo empregado e a calidade do traballo, que non debe quedar por baixo do que chamamos «calidade editorial». A calidade editorial é a dun texto listo para imprimir e que causará unha boa impresión no lector debido á ausencia de erros lingüísticos, o ton adecuado, a claridade das imaxes… Un texto sen revisar conterá con toda probabilidade algún erro, que distraerá ao lector do propósito do texto ou mesmo asociará o texto a un nivel cultural baixo, algo que convén evitar custe o que custe. Por exemplo, se o texto trata de vender un produto, valerá a pena investir nun revisor para non caer en erros que poderían diminuír as vendas.

O revisor de traducións ofrece a oportunidade de probar a eficacia do texto antes de que chegue aos seus destinatarios, cousa imposible na interpretación. O mellor é aproveitalo, porque cantas malas traducións se poderían ter evitado se un falante nativo calquera revisase o texto? Xa non digamos un revisor profesional. Claro que os peores erros gramaticais adoitan vir do famoso Google Translate, ao que non se debería recorrer, para empezar. En conclusión: non presente textos sen revisar; e se o fai, non utilice Google Translate; e se o fai, non se queixe logo dos risos dos nativos.

Picture of Sara Novo Carballeira
Sara Novo Carballeira
Born in Narón (Galicia, Spain), BA in Translation and Interpreting from the University of Vigo. She translates from English and German into Spanish and is interested in videogame localisation
Subscríbete ao boletín

Subscríbete agora ao noso boletín e sé o primeiro en saber cando publicamos un novo artigo.