Que son os equipamentos de interpretación simultánea?
Os equipamentos de interpretación simultánea son un conxunto de dispositivos electrónicos que serven para transmitir o sinal de audio da sala de conferencias, ou de calquera outro espazo onde teña lugar outro tipo de evento, á cabina de interpretación e, á súa vez e simultaneamente, transmitir o sinal de audio dos intérpretes desde a cabina ás oíntes da interpretación que se estea desenvolvendo nun idioma distinto do de sala.
Os compoñentes principais son os seguintes:
Transmisores – Os transmisores son o compoñente principal dos equipamentos de interpretación simultánea. Cada transmisor “transmite”, como o seu propio nome indica, un sinal nunha canle determinada previamente asignado. Esa canle será a canle asignada a un idioma en particular. Dependendo do número de idiomas que vaian ser utilizados no evento (xa sexa desde a sala principal ou por parte dos intérpretes que presten soporte a asistentes que necesiten de tradución verbal ao seu propio idioma) haberá un número determinado equivalente de transmisores. Por tanto, se temos unha conferencia con relatoras que van falar en galego e inglés, pero ademais contamos con persoas de nacionalidade portuguesa e francesa no auditorio que van precisar do servizo de interpretación aos seus propios idiomas, o número de transmisores será de catro, un por idioma (galego, inglés, portugués e francés).
Os transmisores poden transmitir sinais por radiofrecuencia ou por infravermello, dependendo do tipo de sistema que se estea utilizando.
Receptores – Trátase, probablemente, do compoñente máis doado de recoñecer por parte do gran público, pois se trata do “pinganillo” clásico ou auricular que nos poñemos na orella (ou orellas) para poder seguir a interpretación que nos envían os intérpretes polas súas canles de interpretación. Se o transmisor transmite, o receptor “recibe”. De sobra sabido.
Consolas – As consolas de interpretación (tamén reciben outros nomes, como pupitres de interpretación, consolas de control, etc.) son, por así dicilo, o cadro de mandos do intérprete. Compóñense dunha consola, con diferentes botóns e interruptores, que vai conectada a uns auriculares e a un micrófono, ou un conxunto integrado de micro máis auricular.
É a través deste dispositivo que o intérprete, desde a súa cabina, pode elixir que canle quere escoitar (se o audio de sala ou o doutro colega doutra cabina idiomática, cando se realiza o chamado “relé”), a que volume, por que canle quere falar (por exemplo, un intérprete de inglés-galego poderá escoller para falar a canle de inglés ou o de galego dependendo do idioma que estea a falar o relator) e cando silenciar ou activar o seu micrófono.
Cada cabina adoita contar con dúas consolas de interpretación, unha por intérprete.
Cabinas – A cabina de interpretación é o habitáculo onde se sitúan os intérpretes. Trátase dunha especie de locutorio de paredes finas e lixeiras, pero ao mesmo tempo illadas acusticamente, con vidreira frontal para permitir a visión dos intérpretes. Estes séntanse no seu interior con dúas cadeiras e unha mesa lonxitudinal onde colocar as dúas consolas de interpretación xunto con outros dispositivos adicionais, como portátiis ou tablets, que lles serven de axuda para visualizar presentacións, dicionarios en liña, etc.
As cabinas sitúanse normalmente detrás do público, con visión frontal ao estrado para poder ver con claridade aos relatores (a expresión corporal é moi importante para facilitar a interpretación) e outros elementos que poidan estar presentes, como pantallas ou proxectores de diapositivas.